Thursday 02 de May de 2024

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia lembra que a Xustiza leva anos confirmando que os técnicos competentes para redactar proxectos de estacións de servizo son os enxeñeiros industriais


• O Concello de Arteixo estaba informado de que o redactor do proxecto da estación de servizo de Meicende non era un técnico competente para iso, xa que así llo trasladou o ICOIIG nos recursos de reposición que foron desestimados pola administración local antes de afrontar a vía xudicial

• A doctrina xurisprudencial do Tribunal Supremo confirma que a titulación de enxeñería técnica industrial non habilita para a elaboración dun proxecto de execución dunha unidade de subministro de combustible

O Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) lembra que os técnicos competentes para a redacción de proxectos de estacións de servizo son os enxeñeiros industriais. Unha realidade recollida xa no propio Decreto do 18 de setembro de 1935 de Atribucións Profesionais dos Enxeñeiros Industriais e ratificada nas últimas semanas por dúas sentenzas xudiciais gañadas polo ICOIIG polos proxectos de dúas estacións de servizo en Meicende (Arteixo) e Brandía (Santiago de Compostela).

Ambos os dous proxectos foron redactados por enxeñeiros técnicos industriais cando os peritos industriais non son competentes para proxectar unha estación de servizo. De feito, ambas as dúas sentenzas toman como base a doctrina xurisprudencial fixada pola sentenza do Tribunal Supremo de 15 de novembro de 2021, ditada no recurso 6706/2020 nº de resolución 1328/2021, que conclúe que a titulación de enxeñería técnica industrial non habilita para a elaboración dun proxecto de execución dunha unidade de subministro de combustible. Sentenza que, á súa vez, confirma a do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nº 382/2020 de 3 de xullo de 2020, que recolle que, dado o carácter multidisciplinar deste tipo de proxectos, a titulación necesaria é a dunha Enxeñería Industrial Superior.

Por iso, o Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia pregúntase en primeiro lugar como é posible que unha entidade colexial, como o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, puidera visar un proxecto para o cal o técnico non é competente. Neste sentido, recorda que os colexios profesionais deben ser rigorosos e precisos nas tarefas de visado para non prexudicar nin á sociedade nin aos propios colexiados, pois no caso de que ocorrera calquera incidencia na estación de servizo estarían desprotexidos ao carecer de competencia técnica para redactar eses proxectos.

Arteixo sabía que os peritos non eran competentes

Ante unhas declaracións feitas públicas polo Concello de Arteixo tras dúas sentenzas xudiciais do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 4 da Coruña que ordenan a demolición de sendas estacións de servizo no polígono industrial de Sabón e en Meicende, o ICOIIG lembra que non so non son contraditorias senón que ambas as dúas se fundamentan na mesma base: os enxeñeiros técnicos asinantes dos proxectos non son competentes para proxectar unha estación de servizo. A primeira sentenza é do 22 de setembro de 2022 e estima o recurso da Asociación Provincial de Estacións de Servizo. A segunda é de 8 de xullo de 2022 e estima o recurso do ICOIIG anulando a licenza de obra outorgada polo Concello de Arteixo para a construción dunha estación de servizo en Meicende.

Así mesmo, o ICOIIG recorda que o Concello de Arteixo era coñecedor desta situación moito antes de que se iniciaran os procesos xudiciais. Unha situación que se demostra cando o Goberno local rexeitou en varias ocasiones os recursos presentados polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, a pesar de que os devanditos recursos xa recollían as evidencias xurídicas que se presentaron no posterior contencioso-administrativo. Polo tanto, o Concello de Arteixo si que coñecía quen eran os técnicos competentes, os enxeñeiros industriais, porque así llo deixaran claro nos recursos de reposición.

Neste sentido, o ICOIIG puntualiza que o feito de que un proxecto fose visado por un colexio profesional non impide que a Administración, á hora de outorgar licenza de obra ao proxecto presentado, poida revisar a competencia profesional do autor do proxecto e decidir, como era o caso, que non podía conceder esa licencia de obra debido á falla de competencia do técnico redactor do proxecto. Ademais, sobre as afirmacións de que a situación da gasolineira de Meicende se solucionara durante o proceso de construción coa encarga dun proxecto a un enxeñeiro industrial, o Colexio recorda que a sentenza xudicial é clara: anula a licenza de obra e condena ao Concello a cesar a actividade e proceder á demolición do edificado ilegalmente.

Máis casos en Santiago e Ourense

A pesar de que desde o Consello Xeral dos Enxeñeiros Técnicos Industriais pretenden xustificar unha inexistente competencia na redacción de proxectos de estacións de servizo tomando como aval a cantidade de proxectos realizados polos peritos industriais, a Xustiza non fai máis que corroborar a súa falta de competencia e confirmar que os únicos técnicos competentes neste campo son os Enxeñeiros Industriais Superiores.

Así o corroborou recentemente a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Santiago, que anulou a licenza de obra que o Concello de Compostela concedeu para a construción dun edificio comercial con gasolineira na urbanización de Brandía. Unha anulación que responde a un recurso presentado polo ICOIIG baseado en que o proxecto complementario para a gasolineira tiña que estar avalado por un Enxeñeiro Industrial Superior e non por un enxeñeiro técnico. Unha sentenza que, ao igual que as dúas anteriores en Arteixo, obriga ao cese das obras e actividade, así como á demolición do xa edificado.

A pesar da coincidencia no tempo destas tres sentencias, esta situación non é algo novo en Galicia. Valga como exemplo a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Ourense de 6 de xuño de 2018 que condenou ao Concello de San Cibrao das Viñas a demoler as instalacións dunha estación de servizo na rúa 1 do polígono industrial xa que “a elaboración dun proxecto de tal natureza requiría a intervención dun enxeñeiro superior”.